Que nos move?
A preocupación pola cuestión de xénero porque, a pesar de todo o acadado polas loitas feministas, continúa a ser un eixo fundamental de desigualdade social.
Se ben os movementos feministas foron responsables de profundos cambios sociais, basta con poñer os lentes violetas para ver que aínda temos moito camiño por percorrer. A igualdade formal dista moito da realidade e a desigualdade segue a perpetuarse en calquera sociedade do mundo.
As violencias de xénero, os feminicidios, o acoso sexual nas rúas e nos traballos, a sexualización e cousificación dos nosos corpos, a explotación sexual, a desigualdade social e económica, a responsabilidade principal no traballo non remunerado dos coidados, a precariedade laboral, a invisibilización dos aportes das mulleres nos diferentes ámbitos (historia, ciencia, sociedade, deportes...) ... seguen sendo mostras das discriminacións de xénero que sufrimos as mulleres polo feito de selo e que continúan a limitar a construción libre dos proxectos de vida.
O recoñecemento do xénero como eixo común ás diferentes loitas e aos diversos ámbitos de vida e de acción e intervención social.
A cidadanía -na súa acción social, solidaria, profesional, política e militante-, debe ter presente a cuestión de xénero, entendida como un eixo de desigualdade, independentemente do ámbito específico ao que se dirixa a súa acción social. O pensamento neoliberal tende a fragmentar –para debilitar– as diferentes reivindicacións nas que se sustenta a procura da xustiza social, esquecendo que a equidade de xénero é un eixo común ás diferentes loitas e aos diversos ámbitos de acción e intervención social.
Cómpre facer visible a violencia simbólica que fai que naturalicemos e interioricemos as relacións asimétricas de poder. Isto implica cambiar a organización social, as actitudes, as prácticas e os comportamentos sexistas que perpetúan a desigualdade de xénero, non limitados a un só ámbito ou espazo, incorporando a perspectiva de xénero nas nosas accións individuais, sociais e profesionais. Urxe, sobre a base dos aportes do movemento feminista, artellar propostas de cambio que chamen ao compromiso de todas e todos.
A aposta pola educación como ferramenta transformadora.
Quixemos dar ao curso unha orientación fundamentalmente práctica, que nos permita adquirir ferramentas de análise e acción socioeducativa que poder aplicar en diferentes contextos: no cuestionamento dos nosos espazos de vida e de acción social; no traballo con homes, os nosos aliados nesta loita; no acompañamento a mulleres afectadas por este tipo de violencia; na protesta e incidencia social e política, etc.
Queremos traballar de forma colectiva un ollar e un facer que poidamos levar aos diversos espazos sociais e profesionais dos que formamos parte.