O Curso ten unha duración de 30 horas, nas que se combina traballo presencial (25) e non presencial (5). O traballo presencial estrutúrase en 4 xornadas, de 4 horas e media (venres) e 8 horas (sábados) de duración, baseado en traballo teórico-expositivo, presentación de experiencias, dinámicas e traballo grupal.
O Curso busca motivar e capacitar ás persoas para a acción e transformación dos seus contextos, a través da implicación en iniciativas de participación social. Por elo prímanse aquelas metodoloxías que convidan ás persoas a cuestionar, a adoptar un posicionamento e a construír coñecemento conxunto sobre as realidades de exclusión, superando a mera transmisión de contidos.
Para o traballo non presencial, cun peso de 5 horas, ofértanse dúas modalidades:
-
Traballo individual de reflexión crítica, en torno a algún dos contextos de exclusión traballados, no que reflexionar, en base aos coñecementos adquiridos durante o Curso, sobre as posibilidades da participación social como motor de transformación e inclusión.
-
Traballo grupal de transformación social: partindo da reflexión previa sobre as realidades de exclusión, se conforman grupos de traballo dende os que idear unha proposta de acción real, vinculada ás propostas dos colectivos que dinamizarán a última tarde das xornadas.
A formación é impartida por persoas expertas de cada unha das áreas de actuación abordadas (exclusión social, drogodependencias, muller, prisións e participación social).