Que nos move?
A vulnerabilidade e exclusión social pode ser abordada dende múltiples perspectivas. Atopámonos nun sistema social que tende a depositar na persoa individual ou colectivo específico a responsabilidade da súa situación de exclusión. A lóxica de actuación consecuente é sinxela: se as causas se sitúan nas decisións individuais, tamén as solucións competen á persoa afectada. Isto debilita a acción colectiva da cidadanía na construción de sociedades –comunidades, contextos– integradores, dende a óptica da xustiza social.
Este Curso busca aproximar a cidadanía ao fenómeno da exclusión social entendida en clave estrutural, é dicir, pasar do particular ao político, do inevitable ao cuestionamento. A nosa organización social, que prima as intereses do Mercado por enriba das interese das persoas e da natureza, define as poboacións sobrantes –explotadas, marxinadas, empobrecidas, privadas dos seus dereitos e oportunidades– e debilita a cohesión social. As persoas e colectivos excluídos non son recoñecidos, non son tidos en conta, e as súas realidades, demandas e necesidades son invisibilizadas.
Achegarémonos a diferentes ámbitos de exclusión social, enlazando o marco teórico-reflexivo que sitúa o noso ollar, con realidades concretas do contexto próximo, así como con experiencias transformadoras impulsadas dende o tecido social solidario. Fronte á fragmentación social, a visión social da exclusión demanda dunha cidadanía activa, xeradora de contextos vitais inclusivos e promotora do cambio.
A orientación práctica do Curso pretende fomentar a participación social a través dun proceso pedagóxico-práctico que, partindo do cuestionamento crítico destas realidades, fomente a creación de redes ou grupos de traballo que avancen na construción de sociedades integradoras.