top of page
María Barba Núñez

Impulsamos o apoio escolar

Nesta última etapa do curso queremos poñer en valor esta acción de acompañamento desenvolta por voluntarias da entidade. Paula López, educadora social en prácticas, explica neste artigo o que supón esta experiencia a través da mirada das súas protagonistas:

Conscientes de que a educación é a base para sustentar os procesos de inclusión da poboación coa que traballan, dende Aliad Ultreia están a impulsar accións de apoio escolar levadas a cabo por persoas voluntarias.

Esta actuación, nace fai 3 ou 4 anos debido ás inquietudes formativas das persoas usuarias, maioritariamente mulleres adultas que están a cursar a Educación Secundaria para Adultos (ESA) ou preparando as probas de Competencias clave. As persoas que están interesadas en participar son derivadas pola orientadora laboral de Aliad, Paula Rama, e postas en contacto a través dunha entrevista coa persoa voluntaria que máis se axuste ás súas necesidades. “É moi importante analizar o grao de implicación e o momento vital de cada persoa para poder realizar unha labor o máis enriquecedora posible, tanto para a usuaria como para a voluntaria” afirma Paula.

As usuarias participantes contan que a súa experiencia co apoio escolar está sendo moi satisfactoria e imprescindible para alcanzar as súas metas. Fatiha, unha muller marroquí chegada a España fai 14 anos, cóntanos que comezou a estudar para coñecer o idioma e mellorar a súa vida. Ana Belén, outra usuaria, relata que non é fácil volver a estudar sendo adulta, pero que o apoio escolar está a axudarlle moito: “Estudo terceiro e cuarto da ESA na modalidade semipresencial e síntome moi ilusionada ao ver que as cousas van saíndo grazas a ese apoio”.

Gloria e Noa son dúas das voluntarias que participan nesta acción. Gloria é unha profesora de matemáticas retirada e foi a primeira persoa voluntaria de reforzo educativo. Gloria ten claro que esta é unha experiencia moi gratificante: “O tempo que paso aquí faime sentir realizada ao ver que elas están conseguindo os seus obxectivos. Aprendo e admiro moito a mulleres como Fatiha, xa non é fácil estudar, como para facelo noutro idioma e ademais coidar dos seus fillos”. Noa é unha rapaza estudante que realizou as súas prácticas en Aliad Ultreia e ao rematar decidiu facerse voluntaria: “para min é sentirse ben cun mesmo porque estás axudando dunha maneira tolamente altruísta, a aprendizaxe é mutua e recíproca, e iso é algo moi bonito”.

Tamén destacan que a Covid foi un dos obstáculos aos que se tiveron que enfrontar, pero non foi un impedimento para continuar con esta iniciativa. Dende a asociación tiveron que reorganizar os espazos e horarios e tamén se realizou o reforzo educativo de forma online a través das novas tecnoloxías. “Para o min o apoio en vídeochamada axuda moito, pero non se compara con estar cara a cara, estando na casa e dende unha pantalla e é moito máis difícil” relata Fatiha.

Aliad Ultreia quere continuar ampliando esta experiencia e anima a todas as persoas que estén interesadas a participar, incorporándoas á súa equipa de traballo e apoiándoas no impulso das súas propias iniciativas.


5 views0 comments

Recent Posts

See All

Comments


bottom of page