Durante xullo e agosto, os muros da prisión enchéronse de cores, da man de Clara Copena, un grupo de 7 internos da prisión de Monterroso, e co acompañamento de Laura Envianar.
Comuro nace da necesidade humana de expresar as emocións, de crear un entorno favorable e agradable no cal permitirnos ser libremente quenes somos. Os únicos muros e barreiras reais son os creados na propia mente, as crenzas de que ou quen podemos ou non ser; e os propios muros dos centros penitenciarios, que si aparentan ser inderrubables lembrando de maneira constante o lugar que representan. A arte mural derruba muros eliminando o concepto limitante da parede, creando mundos escollidos en cores e formas, pintando aquilo que queiramos lembrar, crer e crear.
Comuro propón a creación dunha obra plástica colectiva que elimine a idea de muro convencional e ofreza unha nova visión sobre a arquitectura do centro e as capacidades dos internos. Unha exploración do que se quere lembrar para querer saír e a súa representación, pintada na parede, para lembralo cada día.
Comuro é unha viaxe creativa de catro semanas traballando dende a busca das ideas a representar, a obtención do boceto, a técnica pictórica do mural e a execución e o pintado do mesmo. Un proxecto onde derrubaremos as crenzas limitatorias de non saber pintar. Unha experiencia onde crer no mural como espello do que decidimos contar. Un obradoiro no que lembrar que podemos facer todo o que nos propoñamos.