O voluntariado é compromiso, compromiso coas persoas e as súas realidades, e Teresa Botana é un claro exemplo. Unha muller con traxectoria na educación, cunha capacidade abraiante para ver á persoa e alentala á súa superación persoal. E iso é o que leva facendo dende hai máis de dous anos na Unidade Terapéutica e Educativa do centro penal de Monterroso. A UTE é un módulo especializado do centro penal de Monterroso, orientado ás persoas con trastornos aditivos que fan unha aposta decidida por abandonar o consumo.
Todos os venres, de 11:00 a 13:00 as persoas presas teñen ese encontro educativo con Teresa, nun diálogo interxeracional no que Teresa achega a súa sabedoría e os reclusos responden co seu interese, participación e afecto.