A nosa inquietude e descoñecemento ante o sistema penitenciario unido á nosa vinculación ós estudos de xénero, foi o que nos motivou a participar nesta iniciativa de voluntariado, consistente na impartición de obradoiros de xénero no centro penitenciario de Monterroso.
Comezamos a reunirnos para preparar as dinámicas que se levarían a cabo na prisión con ilusión e ganas por comezar este novo proxecto. Esta preparación (busca de dinámicas axeitadas, materiais, etc.) foi feita conxuntamente nun primeiro momento, a pesar de que iamos traballar en grupos distintos -unhas en Preparación para a liberdade e outras na Unidade Terapéutica e Educativa-. Así pois, partimos todas dunha mesma liña de traballo que fomos variando a medida que avanzaban as sesións, en función das especificidades de cada grupo.
En cada sesión, de hora e media, analizamos como os diferentes axentes socializadores inflúen na construción do xénero. En moitas das dinámicas nós mesmas participamos co fin de poder establecer unha diferenza entre a nosa experiencia como mulleres en contraposición á súa como homes, ademais a visión das persoas de diferentes nacionalidades enriquecían os debates e reflexións ó falar dende a súa propia cultura e/ou relixión.
Dende a primeira sesión ata a última a boa acollida que tivemos por parte dos internos fixo que en todo momento nos sentíramos cómodas nun contexto totalmente descoñecido para algunhas de nós. Esta acollida, xunto co bo equipo de traballo que formamos entre as voluntarias, levou a que actualmente continuemos con talleres de teatro e control de emocións.
O voluntariado ofreceunos novas oportunidades de aprendizaxe e crecemento persoal, así como a satisfacción de poder contribuír a algo tan positivo como o feito de facer das prisións un espazo máis aberto, xusto e de encontro e intercambio de coñecementos e reflexións.