top of page
María Barba (coordinadora de voluntariado)

Cociñando o novo curso de voluntariado

O curso de voluntariado do 2016 "Da cabeza aos pes" superou moitas das nosas expectativas iniciais. Foi un espazo de aprendizaxe moi enriquecedor tanto para voluntariado como para as e os profesionais da entidade, unha oportunidade para conversar con persoas relevantes dos nosos ámbitos de acción social, para conectar con diferentes movementos e loitas, para dar a coñecer o traballo da nosa entidade, e para incorporar a novas persoas ao voluntariado de Aliad Ultreia.

Este ano quixemos retomar esa aposta pola formación de voluntariado e quixemos facer partícipes ás persoas voluntarias na planificación de dita formación, ao igual que fixeramos o ano anterior. Despois dunha reunión na que valoramos os intereses das voluntarias e voluntarios, así como as necesidades da nosa entidade e da poboación á que atendemos, consensuamos que este ano sería interesante centrar a formación na área de muller.

Ata a data, as accións de voluntariado nesta área centrábanse nas accións de sensibilización e incidencia social polos días sinalados (día da muller traballadora, contra a trata de mulleres con fins de explotación sexual, contra a violencia de xénero....) pero escasamente implicábamos ás persoas voluntarias nos programas de actuación con este colectivo, dada a sensibilidade da súa situación. Consideramos que ten un gran potencial implicar á cidadanía no acompañamento e integración de estas mulleres, pero que é necesaria unha formación previa para desenvolver esta tarefa. Por iso a formación deste 2017 centrarase na área de muller, co obxecto de perfilar a nosa mirada e posicionamento, adquirir ferramentas para o traballo educativo en clave de xénero, e desenvolver estratexias para o acompañamento destas mulleres pero tamén para o autocoidado.

A cuestión do autocoidado a consideramos clave, máxime ao enfrontarnos ante realidades realmente duras como as que traballamos dende a área de muller de Aliad Ultreia, polo que se o acompañamento ás persoas voluntarias é un aspecto que sempre queremos coidar na nosa entidade, neste caso aínda máis, sendo que a persoa voluntaria sentirase sempre integrada dentro de unha equipa que buscará o seu benestar e desenvolvemento persoal.

Pensamos tamén que sería importante proxectala como unha formación valiosa non só para o voluntariado de Aliad, senón para o voluntariado de calqueira entidade, dado que a perszpectiva de xénero debe estar presente en calquera dos ámbitos de intervención.

Anímate a participar, rastrea pola web do curso e coñece a nosa proposta:

http://ongaliad.wixsite.com/voluntariado

5 views0 comments
bottom of page