top of page

Módulo 2.

MASCULINO PLURAL, FEMININO SINGULAR 

Ferramentas educativas para repensar a construción das identidades con grupos de homes

Dinamizan Amanda Díaz Pena e Mónica González Ferreiro
Colaboran compartindo a súa experiencia: Jenni Santin, Laura Reigosa e Natalia Quiroga.

Sábado, 23 de setembro, de 16:00 a 20:00

Os roles de xénero mostran, a través dos modelos absolutos masculino e feminino, cales son os comportamentos aceptables e cal é o prezo da transgresión de rol. Aínda que cun impacto moito maior no caso das mulleres, todas as persoas vemos limitada as nosas formas de ser e estar. É por iso que precisamos un compromiso unánime para lograr unha sociedade xusta na que podamos decidir libremente a nosa vida sen condicionamentos, unha transformación que require tamén do cuestionamento do modelo hexemónico da construción de xénero, cos condicionamentos que esta comporta.

O obradoiro terá como finalidade repensar e debater entre todas as persoas participantes a forma en que se constrúe socialmente “ser home” e as consecuencias que supón o seu exercicio tanto a nivel persoal, como relacional e social. Abordarase a necesidade de propor novas formas de construírse que promovan a igualdade e a diversidade como centro e a necesidade que os homes se impliquen na transformación da realidade.

Neste módulo buscarase:

  • Reflexionar sobre a construción do modelo de masculinidade hexemónico e as consecuencias negativas que leva consigo para o conxunto da sociedade.

  • Propoñer formas alternativas de crecemento persoal integral, atendendo á diversidade e á autonomía.

Neste obradoiro, Jenni Santín, Laura Reigosa e Natalia Quiroga compartirán a súa experiencia de traballo con homes en temática de xénero, nun contexto tan particular como é a cadea, dando conta da experiencia de voluntariado que desenvolveron na prisión de Monterroso.

bottom of page