top of page
Que supón participar como voluntaria/o en Aliad Ultreia?

Son moitas as persoas que se están a implicar nos proxectos que desenvolve Aliad Ultreia ou a impulsar as súas propias iniciativas coa nosa colaboración. As súas traxectorias, dispoñibilidade, expectativas e ideas son diversas e, polo tanto, tamén as súas formas de participación.

Contamos con persoas voluntarias que entenden Aliad como unha plataforma de participación social dende a que impulsar proxectos colectivos; outras que colaboran prestando o seu apoio e reforzando os programas da entidade; outras que se vinculan cun apoio máis puntual en accións concretas, etc. Todas elas participacións valiosas que fortalecen a capacidade de incidencia social e política na promoción de sociedades e contextos de vida inclusivos.

Se estás interesada/o en participar como voluntaria/o teremos un primeiro encontro, unha entrevista inicial na que presentar o traballo da entidade e coñecer as túas expectativas respecto ao voluntariado. Isto permítenos orientarte respecto ao tipo e ámbito de participación que encaixaría co teu perfil como voluntaria/o. A partir de aí manteremos contacto, a través do teléfono ou correo electrónico, no que compartir as accións (reunións, proxectos, formación, etc.) que se desenvolven durante o ano para que poidas formar parte e participar das mesmas.


Non esiximos unha dispoñibilidade temporal determinada, nin pedimos persoas con habilidades profesionais ou capacidades concretas, as experiencias de voluntariado adáptanse a quen as realiza.

Se estás interesada/o en participar, escríbenos!

¡Gracias! Mensaje enviado.

O voluntariado: unha experiencia de enriquecemento mutuo

Cando as persoas vos implicades en proxectos de acción voluntaria, esta participación xera un valor recíproco para a entidade, para vós e para a sociedade no seu conxunto, con especial atención aos colectivos máis vulnerables.


Dende Aliad Ultreia entendemos o voluntariado como unha forma de crecer como organización e de dar contido pleno á dimensión asociativa. Pensamos que a acción voluntaria:

  • acrecenta a nosa capacidade de incidencia social e política;

  • nos vincula a outros espazos de participación social;

  • incorpora ollares que contribúen a renovar os nosos enfoques de traballo;

  • introduce iniciativas que reforzan os nosos programas;

  • e enriquece os vínculos e afectos que se establecen entre as persoas que formamos parte da asociación.

O que aporta o voluntariado á nosa entidade
Obradoiros na cadea.jpg
O que o voluntariado aporta á sociedade

 
A acción voluntaria é fundamental na promoción de contextos de vida inclusivos. As persoas voluntarias traballades dende o recoñecemento dos dereitos e da dignidade da persoa e pola xustiza social, a través de accións directas cos colectivos en risco de exclusión social ou de incidencia política e sensibilización.
 
En definitiva, o voluntariado é un motor de cambio e transformación social que contribúe, entre outras cousas, a:

  • construír unha sociedade máis xusta e equitativa;

  • establecer lazos entre os colectivos en risco de exclusión social e a cidadanía;

  • fomentar a integración étnica e cultural;

  • divulgar valores como a solidariedade, o apoio, a participación, a responsabilidade e o compromiso;

  • xerar un enfoque proativo e inspirar outras iniciativas sociais;

  • e articular as diferentes loitas sociais dun territorio.

Foto_de_María_PlaPla.jpg
O que Aliad Ultreia ofrece ao voluntariado 

En Aliad Ultreia entendemos o voluntariado como unha experiencia pedagóxico-práctica de transformación social articulada dende o suxeito colectivo, dende o sentir de grupo, dende os coidados. Procuramos que a acción voluntaria amplíe a vosa visión crítica en relación ás realidades coas que traballamos, e que fortaleza as vosas capacidades para actuar nelas e transformalas.

Aténdese á necesidade de transmitir educación e pedagoxía, converterse en entidades que educan, que xeran sensibilización social fronte as realidades coas que traballamos, todas elas silenciadas, invisibilizadas e rodeadas de prexuízos: drogodependencias, prisión, prostitución e trata de mulleres, etc. Por este motivo buscamos coidar a vosa acollida, promover experiencias formativas e dinamizar espazos de encontro nos que construír coñecemento conxunto e idear proxectos colectivos de cambio.

IMG-20161004-WA0001.jpg

A compoñente social do voluntariado é fundamental. Implicarse como voluntaria/o supón formar parte da construción da túa propia comunidade, nun proxecto articulado con outras persoas que comparten un interese común. 

Sendo que a participación voluntaria é tamén unha oportunidade para o desenvolvemento de capacidades sociais, laborais e de aprendizaxe, a Xunta de Galicia certifica a túa participación e competencias adquiridas. Só tes que solicitárnolo! 

Certificado acción voluntaria
bottom of page