Aliad Ultreia inauguramos a campaña “A explotación sexual é violencia”, coa presentación dunha exposición de viñetas e dun vídeo, na sala de exposicións da Biblioteca Nodal de Lugo. Esta iniciativa enmárcase no día Internacional da eliminación da Violencia contra as Mulleres, e supuxo a implicación activa de persoas voluntarias.
A finalidade da campaña é visibilizar a explotación sexual como unha forma de violencia machista, poñendo a mirada sobre a realidade que hai detrás dos mitos que seguen a reproducirse en torno á prostitución, que buscan normalizar a existencia de puteiros e minimizar os efectos e consecuencias que ten na vida das mulleres e na sociedade.
O obxectivo da exposición de viñetas é xerar debate e desmontar os mitos que buscan normalizar o comercio sexual e explotación sexual de mulleres, baixo os lemas e cancelos: #ExplotacionSexualEViolencia e #PorQueSonAbolicionista.
A exposición estará dispoñible na sala de exposicións da Biblioteca Nodal de Lugo, sita en Ramón Ferreiro, dende o día 18 ata o 29 de novembro.
Aproveitamos tamén para presentar o vídeo “A explotación sexual é violencia”, baixo a dirección de David Alonso Garzón, no que diferentes homes achegan os seus argumentos en contra da prostitución.