Relatores/as
(Clicando sobre o nome das/os relatoras/as poderás consultar máis información sobre o seu traballo)
Carmen Morán de Castro é mestra, pedagoga e psicóloga, doutora en Pedagoxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Desde o curso 2012/2013 ao 2015/2016 foi coordinadora do Grado en Educación Social onde ademais é docente nas materias "Educación social, servizos sociais e iniciativa cidadá" e "Animación e Xestión Sociocultural". Forma parte do grupo de investigación SEPA, sendo as súas liñas prioritarias de investigación os tempos educativos e sociais; educación ambiental; educación e políticas de benestar social; educación e inclusión. Neste curso dialogaremos con ela sobre exclusión social, entendéndoa como unha cuestión política e estrutural.
Diálogo sobre exclusión social
Paola Bretones
Paola Bretones é actriz licenciada pola Real Escola Superior de Arte Dramático. Realozou a formación regular do Teatro da escoita (teatro social) e de pedagoxia teatral na Sala metáforas con Moisés Mato e leva mais de dez anos facendo aplicacións desta metodoloxía e filosofia. Como compremento da súa formación recibiu e recibe clases de danza contemporánea e expresión corporal.
Actualmente é responsable da Escola de Expresión de Carabanchel, un proxecto educativo que ten na sua base o desenvolvemento da creatividade e da imaxinación por medio das artes.
É co-creadora de Teatro encontro e creadora de estatuas na rúa.
Obradoiro práctico sobre exclusión social por medio do teatro
Luis Antonio Serna Cabeza
Luis Antonio Serna Cabeza está formado como mestre (educación especial, física e primaria) así como mediador pola Universidade de Cantabria. Ven traballando dende 2012 como educador social en réxime de semiconvivencia con xóvenes tutelados de 16 a 21 años nun piso de emancipacion dos Servicios Sociais de Cantabria.
Realizou o seu primeiro curso da escoita así como cursos monográficos e continúa a formarse. Tamén realizou a Escola sobre marxinación con profesorado coma Enrique Martínez Reguera. Ten formación e experiencia no ámbito deportivo e do tempo de lecer (ex-atleta, monitor de surf e atletismo, socorrista, etc.).
Actualmente é impulsor en Cantabria da campaña Noviolencia 2018.
Obradoiro práctico sobre exclusión social por medio do teatro
Manuel Varela Veiga é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela, diplomado en Teoloxía, Magíster en Drogodependencias, constitúe unha personalidade de recoñecido prestixio no ámbito das drogas así como un referente no ámbito asociativo. Actualmente é o presidente de Aliad Ultreia. Neste curso realizará unha abordaxe sobre a problemática da drogodependencia e a súa evolución ao longo das últimas décadas dende un punto de vista social.
Diálogo sobre drogodependencias
Pedro José Cabrera Cabrera, é profesor de Socioloxía Xeral, Técnicas de Investigación Social, Pobreza e Exclusión na Facultad de CC. HH y Sociales da Universidad Pontificia de Madrid. Entre as súas áreas de investigación atópase a abordaxe do cárcere, criminoloxía e control social, así como as políticas de inclusión social e loita contra a pobreza, publicando traballos sobre exclusión, pobreza, persoas senfogar, prisión, estratificación social, cambio social, inmigración, e investigación social. Destaca a súa análise sobre a criminalización da pobreza, nunha abordaxe complexa do papel que xoga socialmente a prisión.
Diálogo sobre prisión
Fátima Estúa García
Fátima Estúa García é licenciada en Psicóloxía Clínica pola Universidade de Santiago de Compostela, con experiencia de traballo no contexto penitenciario desde o ano 1993 realizando tanto intervencións grupais como individuais no contexto de diversos proxectos de preparación para a liberdade nas prisións de Bonxe e Monterroso. Neste espazo compartirá o impacto e efecto resocializador que sobre as persoas ten a súa vida en prisión así como a experiencia de traballo neste contexto, entre elas o acompañamento en permisos de saída do que participa o voluntariado da entidade.
Obradoiro práctico sobre prisión
María Barba Núñez é educadora social, pedagoga e doutora en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Ten experiencia investigadora, docente e laboral na promoción de procesos participativos que impliquen á cidadanía no cuestionamento crítico dos seus contextos e na promoción do cambio. Actualmente é coordinadora do proxecto de Animación Sociocultural do Centro Penitenciario de Monterroso, así como do voluntariado da asociación ALIAD-ULTREIA. Neste curso compartirá ambas dimensións do seu traballo.
Mesa redonda: O Plan de Animación Sociocultural na prisión de Monterroso
María Eugenia Rodríguez Palop é profesora Titular de Filosofía do Dereito na Universidad Carlos III de Madrid. Investigadora no Instituto de Estudios de Género e no Instituto de derechos humanos “Bartolomé de las Casas” de la citada Universidad. Neste último Instituto dirixe a Cátedra Norberto Bobbio de “Igualdad y No discriminación”, o Grupo de Estudios Feministas e a Cátedra Unesco sobre violencia y derechos humanos. Ten publicacións sobre movementos sociais, reivindicacións e dereitos emerxentes, intereses colectivos e bens comúns, feminismo, dereitos das mulleres, etc. Aborda dende unha perspectiva sociopolítica o papel da muller, clave para entender as múltiples vulnerabilidades que sofre.
Diálogo sobre xénero
Gerardo Pardo de Vera Posada é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Letrado Adscrito ao Ilustre Colexio de Avogados de Madrid desde 2006 e doctorando en Dereito Penal na Universidade Complutense de Madrid. Con formación no Human Rights Law Centre da Universidade de Nottingham. Como especialista en dereito de estranxería e penal, ten o seu bufete de avogados pero tamén colabora con diferentes entidades do eido social. Isto levouno a implicarse na defensa dos dereitos das mulleres vítimas de trata, experiencia que compartirá neste espazo.
Diálogo sobre trata con fins de explotación sexual
Ana Barba Núñez é diplomada en Educación Social pola Universidade de Santiago de Compostela con titulación de postgrado nas áreas de muller pola Universidade da Coruña, de inmigración e inserción laboral pola Universidad de Deusto e mediación pola Universidade de Santiago de Compostela. Especializada en traballo educativo no ámbito da trata e prostitución é coordinadora do programa de muller dende 2010. En base á súa experiencia e partindo da realidade de vida presentada no filme (Eveling), abordaremos unha forma de aproximarse a esta realidade e actuar educativamente dende un enfoque integral, feminista, de coidados e de dereitos humanos.
Obradoiro práctico sobre acción educativa no ámbito da trata de mulleres
Fotoeduca Galiza basease no uso da fotografía e cultura visual como ferramentas de pensamento crítico e aprendizaxe para adquirir novos coñecementos a través da experiencia individual e colectiva. Utilízanse metodoloxías participativas e de educación popular facilitando o traballo en equipo e o proceso creativo adaptándose ao contexto sociocultural do grupo a ensinar.
Mesa de experiencias de acción social e obradoiro práctico
Conas Ceives
Conas Ceives son unha agrupación de mulleres que pertencen ao Val da Amaía, que se definen dende o feminismo, anticapitalismo, ecoloxismo e defensa de Galicia e da nosa lingua. Traballan por visualizar a opresión das mulleres en diferentes eidos a través, fundamentalmente, das redes sociais. A súa acción "Somos manada! contra as agresións machistas" busca visibilizar unha idea (e unha práctica) que teñen moi clara: que ante unha agresión nunca estás soa. Queren transformar o impulso que sae de cada unha de nós cando presenciamos unha agresión nun gran berro colectivo, promovendo a autodefensa feminista consciente, colectiva, en rede.
Mesa de experiencias de acción social e obradoiro práctico
A Desalambrar é unha plataforma cultural autogestionaria, orientada ao diálogo e a formación que posibilite desenvolver as nosas sociedades dende os principios da promoción, nonviolencia e partindo da realidade dos últimos, os excluídos. Este colectivo traballa con técnicas do teatro da escoita, un método de creación e investigación que parte de diferentes técnicas teatrais para explorar procesos de comunicación que impulsen a transformación da realidade.
Mesa de experiencias de acción social e obradoiro práctico
Acompañamento educativo
Durante todo o curso contaremos co acompañamento de:
-
Paula Polo Pérez - educadora social e voluntaria de Aliad Ultreia. Con experiencia na interveción socioeducativa nos eidos da animación sociocultural e menores. Formación en técnicas de dinamización grupal e coaching.
-
Mónica Ferreiro González - politóloga e traballadora de Aliad Ultreia, con accionar no ámbito da cooperación internacional e as organizacións do terceiro sector en temas de xénero e feminismo
-
María Barba Núñez - educadora social e coordinadora do voluntariado de Alliad Ultreia